jueves, 3 de noviembre de 2016

PREMIO OUFF

Hoxe foi un día importante para o centro e tamén para este EDLG, foinos concedido o Premio ao Mellor Guión no OUFF Escola. Participamos cunha  curtametraxe relizada por Adrián González de 4º de ESO na categoría de Estudos Non Universitarios. O título do traballo é "O Capitán Penedo" co que colleitou alabanzas do xurado e persoas da organización. Isto será un exemplo para seguir creando e concursando neste tipo de eventos que temos a sorte de manter nesta cidade.
                                 
                                                 NORABOA CAPITÁN PENEDO!




miércoles, 26 de octubre de 2016

CELEBRAMOS O SAMAÍN

Toda esta semana traballamos arreo na confeción de cabazas e na exposición de elementos desta festa, que non custou nada recuperar debido á gran difusión da súa homóloga Halloween.
 No Recuncho do Outono o alumnado de Educación Infantil amosou todo o seu arte.







miércoles, 5 de octubre de 2016

BENVIDOS AO NOVO CURSO

Aquí estamos de novo! Afrontamos con ilusión esta nova etapa e procuraremos facelo o mellor posible.
Despois de familiarizarnos co novo período, de elexir aos compoñentes do equipo e de programar as actividades a realizar nos vindeiros meses, podemos xa iniciar a nosa andadura.
A nosa primeira actividade será organizar xunto coa biblioteca unha exposición-homenaxe ao finado Agustín Fdez Paz, un autor moi querido por todos e tamén moi lido neste centro.
Esta é unha carta ao autor co título dalgunhas das súas obras:

Querido Agustín:
 O día que te fuches   un Aire negro  bateunos nas costas para anunciarnos que esa  sería unha Noite de Voraces sombras  para as nosas letras. Quedamo tristeiros, perdidos no Centro do labirinto.
Agora que comezou o curso  sentímonos xa un pouco máis lixeiros,  Cos pés no aire, porque decidimos relerte e así comprobamos que segues connosco,  porque as Rapazas temos todas os Trece anos de Branca ,  polas noites  a Lúa de Senegal  vén onda a nosa lúa para manteren un  sarillo interminable de Contos por palabras  e  ti, amigo Agustín segues no mesmo andel durmindo O soño do merlo branco.

                                               Deica logo.


viernes, 24 de junio de 2016

FESTIVAL FIN DE CURSO

Este fin de curso, como novidade, programáronse dous festivais, un para Infantil e Primaria e outro para secundaria. O primeiro tivo lugar no comedor escolar ambientado para o acontecemento e o outro no auditorio de Coles, moito máis formal.
No de Secundaria representouse a dramatización creada para a ocasión polo EDLG "A visita" cunha defensa da lingua galega fronte aos castelanismos.
 
No de Infantil e Primaria representáronse obras en galego como o teatro de sombras co poema de Manuel María "O barco", "Dona Carme " de Pepe Carreiro", O himno galego...



 

martes, 21 de junio de 2016

PROGRAMA FIN DE CURSO

Este curso programamos unha dramatización a prol da lingua que leva por título "A vista". Será interpretada por alumnado de 3º e 4º de ESO e servirá como reflexión ademáis de como despedida de curso e de etapa. Este é o programa:
                                                                                             En Infantil e Primaria tamén se programa un                                                          festival no que intervén o EDLG:

jueves, 2 de junio de 2016

QUE GRAN DÍA DA POESÍA

Hoxe foi un gran día para a POESÍA, así con maiúscula, pois visitounos Yolanda Castaño coa súa aura misteriosa e sensual. Falounos das súas vivencias e do importante que é a poesía para a súa vida; dos lugares que visita para recitar os seus poemas en galego, incluso na China.
Que aportación de adrenalina! A ela tamén lle gustou moito a nosa biblioteca e sacoulle fotos aos títeres de "A Esmorga". Pero cando lle ensinamos o mural do comedor cunha das súas frases como título quixo deixar alí a súa pegada para sempre, asinouno e adicouno.

 

                  
Díxonos que a poesía non era  de quen a escribe, senón de quen a necesita. Que gran verdade! E pode estar en calquera parte, mesmo na vida cotiá. Que bonito! E cando se puxo a recitar...Que ben! Arrepiaba..
Recomendounos ler moita poesía galega, que gozaba dun gran nivel. Que ledicia!